A Oficina de Dereitos Sociais-Coia, a Parroquia Cristo da Victoria e
GAS (Grupo de Axitación Social) queremos convidarvos ao acto de rúa que
organizamos o vindeiro xoves 16 de maio ás portas do Hipermercado
Alcampo en Coia, co obxectivo de denunciar o crecente empobrecemento que
sufrimos inxustamente unha gran parte da cidadanía e esixir ás
institucións públicas, neste caso Concello e Xunta, que cumpran coa súa
obriga de garantir o dereito de todas as persoas a unha vida digna.
Non podemos calar ante unha realidade terrible que cada vez é máis
común: mentres moitas familias nos vemos na obriga de afrontar o día a
día cuns mínimos ingresos ou mesmo sen eles, resultando imposible facer
fronte ao pago de bens tan básicos como os alimentos, o aluguer, os
recibos de auga e luz..., continuamos a recibir en demasiadas ocasións
unha resposta negativa cando nos achegamos aos servizos sociais en busca
dunha solución, cando menos parcial, aos nosos graves problemas. “Non
hai cartos”, escoitamos con frecuencia. Pero mentres, hai cartos a
esgalla para proxectos que nada teñen que ver cos dereitos fundamentais
da cidadanía; e mentres, por exemplo, continúa sen ser executado o plan
de axudas sociais para familias con escasos ou nulos recursos, aprobado o
pasado xaneiro por un importe de 3,2 millóns...
O acto se desenvolverá entre as 10:00 e as 13:00 horas cunha mesa
informativa sobre a campaña “Vivir con dignidade é un dereito”, coa que
pretendemos denunciar a dramática realidade que están a padecer moitas
familias no noso barrio e en toda a cidade a través da presentación
masiva dun escrito exercendo o dereito de petición perante a Xunta e o
Concello; escrito onde o asinante expón as súas circunstancias
económicas e sociais e solicita unha Renda Básica que permita satisfacer
con dignidade as súas necesidades básicas.