Áreas de Xestión Clínica, privatización de hospitais e centros de
atención primaria, recorte do orzamento sanitario, retirada de medicamentos,
repago dos que permanecen no sistema, pagamento de próteses e ambulancias,
redución de servizos comúns, peche de especializades e unidades de atención,
exclusión directa de parte da poboación do sistema sanitario, vía Real Decreto
Lei 16/2012, e un longo etcétera.
Non son medidas improvisadas de urxencia para afrontar unha suposta situación de crise inesperada. A
privatización da sanidade e de todos os servizos “públicos” rendibles, xunto
ao desmantelamento dos que non o son, era xa un dos principios constituíntes
da Unión Europea, un feito ansiado polos grandes grupos económicos que se están
a beneficiar del e unha realidade ensaiada dende hai tempo a menor escala.
Agora ben, esta realidade non ten só unha dimensión económica
senón tamén política. A eliminación de toda cobertura e dereitos sociais vai
ligada á creación dun mercado de traballo totalmente desregularizado e
precarizado, cunha man de obra cada vez máis barata e servil. O obxectivo final
é desposuírnos absolutamente de todo, de xeito que teñamos que pregarnos ás condicións
que o “mercado” nos impoña, sexan cales sexan, para poder aspirar a cubrir as
nosas necesidades máis básicas.
Pero a implantación desta nova “orde de cousas”, a pesar do
grande aparello mediático lexitimador que a acompaña, é de agardar que xere oposición.
Ante isto, o Estado tenta blindarse cunha nova reforma do Código penal e unha
Lei de “seguridade cidadá” que criminalizan, perseguen e castigan duramente
calquera intento de disidencia, ao tempo que tenta construír novas supostas
ameazas “extremistas” que lexitimen a súa actuación e coas que se busca
distraer a nosa atención dos nosos verdadeiros problemas.
Aínda así, a oposición existe e, no caso da sanidade,
materialízase en iniciativas como:
* A ocupación veciñal de centros de atención primaria para
evitar o seu peche, levados a cabo fundamentalmente en Catalunya.
*Desobediencia do persoal sanitario a aplicar o RDL
16/2012, fomentada pola campaña “Yo sí, Sanidad Universal”.
*Boicot á Cruz Vermella pola súa entrada no negocio das
transfusións de sangue na Comunidade de Madrid.
E unha morea de accións que polo de agora non son suficientes.
Cómpre que nos rearmemos ideoloxicamente, tomar novos folgos e
volver a defender o que nos corresponde, que non pasa por cambiar os ocupantes
dunha cadeira, senón por recobrar a capacidade de decidir e xestionar as nosas
vidas. Necesitamos volver a atoparnos, recuperar –ou directamente crear– a
verdadeira loita sindical, social e veciñal en todas as frontes e superar o
delegacionismo e a apatía que nos invade.
Porque a verdadeira loita,
colectiva, non debe ser pola sanidade, senón pola SAÚDE!