Desde
os movementos sociais de Vigo queremos denunciar a grave escalada represiva que
se está a dar nos últimos tempos contra todos os sectores populares..
Non
nos referimos únicamente á súa plasmación no papel na nova reforma do código
penal e lei de “seguridade” cidadá, senón á evidencia real, a pé de rúa, que se
pon de manifesto nunha presenza policial cada vez maior, no incremento de identificacións
e cacheos indiscriminados ou nas actuacións sobre calquera tipo de colectivo
que tente alzar a voz para defender os seus dereitos.
Pero
nestes días debemos resaltar especialmente as operacións mediáticas, como a
levada a cabo esta pasada semana nas cidades de Vigo, Lugo e Ciudad Real, que
teñen como único obxectivo crear alarma social ao tempo que estender o medo.
Consideramos
totalmente inxustificado, e de todo punto inaceptábel, que se deteña e traslade
a centos de quilómetros das súas casas a unhas persoas, baixo o argumento de
ter provocado uns danos cualificados, incluso no seu momento, como non graves.
E non só isto, senón que se difunden as súas facianas e datos sobre a súa vida,
nun exercicio máis, por parte dos medios, de actuar como simple correa de
transmisión da policía e o Ministerio de Interior, deixando de lado calquera
tipo de rigor informativo, suposta ética xornalística ou respeto á intimidade.
Parece
que unha alfombra queimada e uns vidros rotos, únicos danos reais dos que eses
mesmos medios falan, son motivos suficientes a día de hoxe para acabar en
Madrid. Porque, a fin e ao cabo, os feitos son o que menos importa. A
aplicación da lei antiterrorista “lexitima” calquera actuación, permite a
suspensión dos dereitos básicos de calquera persoa e pode levar á imposición de
décadas de prisión por pertenza a supostas bandas armadas das que, en moitos
casos, só se coñece a súa existencia a golpe de exclusiva periodística.
Non
é ningunha novidade a actuación da Audencia Nacional, en tanto que auténtico tribunal de excepción, pero si que a súa intromisión na esfera do
público sexa cada vez maior, polo que se fai necesario esixir, unha vez máis, a
súa inmediata desaparición.
Alegrámonos,
finalmente, de que, aínda que non totalmente libres, estas persoas estean xa na
rúa o que, por outra banda, pon de relevo o esperpéntico de toda actuación.
19/01/2014