border="0"

11.11.14

Acto público de denuncia das discriminacións ás persoas migrantes no acceso á RISGA 11/11/14


Ningunha persoa sen dereitos! Foi un dos berros máis repetidos esta mañá na concentración ás portas da delegación da Xunta de Galiza en Vigo.
Con este acto convocado polo Foro Galego de Inmigración, a Oficina de Dereitos Sociais de Coia e o Grupo de Axitación Social queriamos denunciar a discriminación que sofren as persoas migrantes comunitarias no acceso á RISGA.
As restricións e as vulneracións de dereitos ás que están sometidas as persoas migrantes van moito mais alá das actuacións que de cando en vez saltan á primeira plana dos medios de comunicación: devolucións en quente, redadas, deportacións masivas... No labirinto institucional e burocrático tamén atopamos múltiplas fronteiras e altas doses de racismo e xenofobia.
Preto do medio centenar de persoas, acompañadas por moita policía, xuntámonos para denunciar unha desas fronteiras interiores, neste caso falabamos das restricións que a Xunta impón ás persoas migrantes comunitarias á hora de acceder á RISGA.
Así no manifesto lido polo compañeiro do Foro Galego de Inmigración denunciabamos que demasiadas persoas migrantes comunitarias residentes na cidade, ás veces desde hai moitos anos e normalmente de nacionalidade portuguesa, non poden acceder a RISGA coa xustificación de non teren a “residencia legal”. Un requisito que fixa a nova lei de inclusión social e que desde a Xunta están a aplicar de modo restritivo.
Para a administración autonómica non abonda levar anos empadroado en Galiza e ser cidadán da UE, a maiores esixen ás solicitantes de RISGA que acrediten estar inscritos no rexistro de cidadáns da Unión Europea. A inxustiza a temos en que para facer a inscrición en dito rexistro hai que ter emprego ou xustificar ingresos suficientes para residir no territorio español. Así polo feito de non ter ingresos ficas sen acceder ao rexistro, e polo feito de non poder acceder a dito rexistro ficas sen dereito a esta prestación social específica para as persoas en situación de pobreza e exclusión social. Quedan así excluídas xusto as persoas migrantes que máis o precisan.
Por iso hoxe viñemos denunciar estes feitos e a rede de mecanismos institucionais que funcionan como fronteiras interiores ao promover a exclusión dunha parte da comunidade no aceso á dereitos fundamentais.
Ademais desta denuncia nesta mañá esiximos:
- o cese inmediato da persecución das persoas migrantes.
- a derrogación das políticas de estranxeiría españolas e europea.
- a posta en marcha de unha renda básica.
 
Vigo, 11 novembro de 2014
Foro Galego de Inmigración, Oficina de Dereitos Sociais de Coia e Grupo de Axitación Social

4.11.14

7 novembro - Mesa de recollida de sinaturas da ILP pola Renda Básica no Alcampo de Coia

Tras unha pequena pausa a ODS-Coia, o G.A.S. e a parroquia "Cristo da Victoria" volvemos ás rúas para continuar coa recollida de sinaturas da ILP pola Renda Básica.
venres 7 de novembro de 10h00 a 13h00 montaremos unha mesa de recollida de de sinaturas diante do ALCAMPO de COIA (r/Grove 1).
Asina esta iniciativa para esixir aos representantes políticos a implantación dunha Renda Básica a nivel estatal. A Renda Básica establece o dereito de toda persoa a recibir unha cantidade periódica que cubra as súas necesidades básicas. Constitúese como un dereito individual, universal e incondicional. A contía da Renda Básica será a equivalente ao limiar da pobreza, é dicir, de 645,33 €.
Agardamos polas vosas sinaturas!